Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 1 de outubro de 2013, polo que se anuncia a convocatoria para a concesión de bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia.
A Mesa do Parlamento de Galicia, na sesión do 1 de outubro de 2013, resolveu anunciar a convocatoria para a concesión de oito bolsas formativas co obxecto de realizar unha formación práctica nas materias de arquivo, biblioteca e documentación, comunicación institucional, publicacións e informática.
Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ser española ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados aos que, en virtude de tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas.
b) Posuír as seguintes titulacións universitarias:
1) Bolsas de arquivo, biblioteca e documentación: grao ou licenciatura universitaria en Documentación, Xeografía e Historia, ou Historia, ou diplomatura en Biblioteconomía e Documentación.
2) Bolsa de comunicación institucional: grao ou licenciatura universitaria en facultades de Ciencias da Comunicación ou de Ciencias Sociais e da Comunicación.
3) Bolsa de publicacións: grao ou licenciatura universitaria en Tradución e Interpretación, na que a lingua de orixe principal da súa combinación lingü.stica (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega, ou licenciatura en Filoloxía Galega.
4) Bolsa de informática: grao ou licenciatura ou diplomatura universitaria en Informática.
As titulacións terán que estar obtidas no ano académico 2007-2008 ou en anos posteriores, o cal deberá acreditarse ao termo do prazo de presentación das solicitudes.
c) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
d) Non resultar beneficiaria dunha bolsa en convocatorias anteriores no Parlamento de Galicia.